Hai prazas reservadas para o alumnado de FP?
Non, os titulados/as de FP compiten en igualdade de condicións co resto de solicitantes.
Cal é a nota de admisión á universidade dun/dunha titulado/a de FP?
A nota de admisión aos estudos de grao será a nota media obtida no ciclo formativo.
Nota de admisión = NMC. Calcúlase sumando as cualificacións numéricas de todos os módulos do ciclo, cualificados de 1 a 10, sen decimais, e dividindo o resultado polo número total dos módulos. A nota media expresarase con dúas cifras decimais e arredondada á centésima máis próxima, e en caso de equidistancia, á superior.
Podo mellorar a nota de admisión á universidade?
Si.
Considerando que a nota máxima de acceso para un alumno de Bacharelato é de 14 puntos e tendo en conta que existen graos universitarios con alta demanda, os/as titulados/as de FP teñen a oportunidade de mellorar a súa nota de admisión. Para iso, poden presentarse á fase voluntaria da PAU, na que é posible obter ata 4 puntos adicionais.
De cantas materias me podo examinar na PAU para mellorar a nota de admisión?
O alumnado poderá examinarse dun máximo de catro materias e dun mínimo dunha, escolléndose para o cálculo da nota final as dúas cualificacións máis altas, segundo as ponderacións aplicables ao grao universitario desexado.
Qué materias podo escoller para presentarme á parte voluntaria da PAU?
Poderás elixir entre as 27 materias seguintes: Historia de España, Historia da Filosofía, Debuxo Artístico II, Análise Musical II, Artes Escénicas II, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Ciencias Xerais, Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño II, Deseño, Fundamentos Artísticos, Técnicas de Expresión Gráfico-plástica, Coro e Técnica Vocal II, Historia da Música e da Danza, Literatura Dramática, Bioloxía, Debuxo Técnico II, Física, Xeoloxía e Ciencias Ambientais, Química, Tecnoloxía e Enxeñaría II, Movementos Culturais e Artísticos, Empresa e Deseño de Modelos de Negocio, Xeografía, Grego II e Historia da Arte. Tamén poderá examinarse de unha Segunda Lingua estranxeira (distinta da que cursou como materia obrigatoria, a elixir entre Inglés, Francés, Alemán, Italiano e Portugués).
É fundamental seleccionar as materias da fase voluntaria tendo en conta a súa ponderación (0, 0,1 ou 0,2) para cada grao universitario . Recoméndase revisar a Táboa de ponderación 2025 aplicable a estudos universitarios das tres universidades galegas. Lembra que as materias que non teñen ponderación na titulación desexada non van a incrementar a nota do ciclo. Ademais, é importante consultar as notas de corte 2025 para planificar mellor as opcións académicas.
Cal será a nota de admisión á universidade se me presento ás PAU?
No caso de presentarte á PAU, a nota de admisión para os estudos de grao calcularíase coa seguinte fórmula
Nota de admisión = NMC + a*M1 + b*M2, sendo M1 e M2 as materias da parte voluntaria superadas coas mellores cualificacións, e a* e b* os parámetros de ponderación (0,1 ou 0,2)
Cando se realiza a PAU?
O calendario de inscrición ena PAU, as datas de celebración da proba, o horario da mesma, así como os modelos de exames e outra información de interese, pode consultarse na páxina da CIUG (https://ciug.gal/gal/pau)
Podo presentarme á PAU se aínda me falta por cursar FCT e Proxecto?
Si, o alumnado que está cursando un ciclo superior e aínda non rematou FCT e Proxecto pode presentarse á parte voluntaria da PAU.
Como me inscribo na PAU?
Para realizar a inscrición debes contactar co Centro educativo e solicitar o traspaso do teu expediente do XADE ao NERTA. Posteriormente poderás formalizar a matrícula na PAU a través da aplicación NERTA.
Cando se realiza a preinscrición na universidade?
As datas de preinscrición e matrícula na universidade publícanse anualmente na páxina da CIUG (Comisión interuniversitaria de matrícula)
Podo preinscribirse na universidade se aínda non teño o teño o título de grao superior?
Para poder realizar a preinscrición na universidade desde FP deberás dispoñer do título de técnico/a superior e facer o pago de taxas do mesmo.
Como se fai a preinscrición na universidade?
Unha vez efectuado o pago de taxas do título, deberás comunicarllo ao Centro educativo para que proceda a traspasar o teu expediente de XADE a NERTA. A continuación, xa poderás facer a túa solicitude de preinscrición no sistema universitario galego a través de NERTA.
Como se adxudican as prazas nos graos universitarios?
A adxudicación de prazas para os títulos de grao farase en función da nota de admisión obtidas polo/a estudante para ese título. As prazas adxudícanse primeiro aos solicitantes da convocatoria ordinaria de xuño e despois aos da extraordinaria de xullo.
En caso de empate entre solicitantes, as universidades poderán ter en conta se o título de FP está adscrito á mesma rama de coñecemento que o grao universitario solicitado.
Cando e como se fai a matrícula nos estudos de grao?
O calendario de matrícula podes consultalo na páxina da CIUG.
Tras a adxudicación da praza, formalizarás a matrícula a través da aplicación de cada universidade (https://www.ciug.gal/gal/matricula-sug)
Podo validar materias dos estudos de grao a partir do ciclo superior cursado?
Si, é posible que se recoñezan créditos ECTS por módulos cursados no ciclo formativo, aínda que depende da regulación específica de cada universidade.
Podes consultar no enlace as validacións desde ciclos formativos de grao superior a estudos universitarios nas universidades galegas.
Onde podo consultar máis información sobre o acceso á universidade?
- Comisión Interuniversitaria de Galicia. Conta cun apartado de preguntas frecuentes que che poden aclarar as dúbidas que teñas sobre as PAU e o acceso á universidade. CIUG
-
Portal de FP da Consellería de Educación.
-
Todo FP
-
Universidade de Vigo. UVigo
-
Universidade de Santiago de Compostela. USC.
-
Universidade da Coruña. UDC
- Información universitaria fóra de Galicia. QUEDU
QUEDU