Oferta formativa da familia de Electricidade e electrónica

Neste apartado atoparás os accesos á información sobre os ciclos formativos de Electricidade e electrónica ofertados no CIFP A Xunqueira:
- Ciclo de formación profesional básica en Electricidade e electrónica.
- Ciclo medio de Instalación de telecomunicacións.
- Ciclo superior de Mantemento electrónico.
- Ciclo superior de Sistemas de telecomunicacións e informáticos.
Ciclo de formación profesional básica en Electricidade e electrónica
- Grao: Básico
- Duración: 2000 horas (Dous cursos)
- Que título se obtén?: Título profesional básico en Electricidade e electrónica.
Que se aprende a facer?
Realizar operacións auxiliares na montaxe e no mantemento de elementos e equipamentos eléctricos e electrónicos, así como en instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións para edificios e conxuntos de edificios, aplicando as técnicas requiridas, operando coa calidade indicada, cumprindo as normas de prevención de riscos laborais e de protección ambiental, correspondentes e comunicándose oralmente e por escrito en linguas galega e castelá, así como nalgunha lingua estranxeira.
En que ámbitos se traballa?
Actividades por conta allea en empresas de montaxe e mantemento de instalacións electrotécnicas de edificios, vivendas, oficinas, locais comerciais e industriais, con supervisión de nivel superior e baixo a regulación do Regulamento Electrotécnico de baixa Tensión e da Normativa das Infraestruturas Comúns de Telecomunicacións.
Ciclo medio de Instalación de telecomunicacións
- Grao: Medio (LOE).
- Duración: 2000 horas. (Dous cursos).
- Que título se obtén?: Técnico/a en instalación de telecomunicacións.
Que se aprende a facer?
Montar e manter instalacións de telecomunicacións e audiovisuais, instalacións de radiocomunicacións e instalacións domóticas, de acordo coa normativa, a regulamentación e os protocolos de calidade, seguridade e riscos laborais, de maneira que se asegure a súa funcionalidade e o respecto ambiental.
En que ámbitos se traballa?
En microempresas e en pemes, maioritariamente privadas, por conta propia ou allea, nas áreas de montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicación, instalacións de circuíto pechado de televisión e seguridade electrónica, centrais telefónicas e infraestruturas de redes de voz e datos, sonorización e megafonía, instalacións de radiocomunicacións, sistemas domóticos e equipamentos informáticos.
Ciclo superior de Mantemento electrónico
- Grao: Superior (LOE)
- Duración: 2000 horas
- Que titulación se obtén?: Técnico/a superior en Mantemento Electrónico.
Que se aprende a facer?
Manter e reparar equipamentos e sistemas electrónicos, profesionais, industriais e de consumo, así como planificar e organizar os procesos de mantemento, con criterios de calidade, aplicando a normativa e os plans de prevención de riscos laborais e ambientais.
En que ámbitos se traballa?
Empresas do sector servizos, tanto privadas como públicas, adicadas ao mantemento e a reparación de equipamentos e sistemas de telecomunicacións, sistemas microprocesados, redes de banda larga, telemática e radiocomunicacións, así como equipamentos industriais e profesionais de audio e vídeo, por conta propia ou allea.
Ciclo superior de Sistemas de telecomunicacións e informáticos
- Grao: Superior (LOE)
- Duración: 2000 horas
- Que titulación se obtén?: Técnico/a superior en sistemas de telecomunicacións e informáticos.
Que se aprende a facer?
Desenvolver proxectos así como xestionar e supervisar a montaxe e o mantemento das infraestruturas comúns de telecomunicacións e de sistemas e equipamentos de telecomunicacións tales como redes de banda larga e de radiocomunicacións fixas e móbiles, sistemas telemáticos, de producción audiovisual e de transmisión, a partir da documentación técnica, da normativa e dos procedementos establecidos, asegurando o funcionamento, a calidade, a seguridade e a conservación ambiental.
En que ámbitos se traballa?
Empresas públicas e privadas do sector de servizos adicadas ás telecomunicacións, a integración de sistemas, redes de banda larga, telemática e medios audiovisuais, persoal desenvolvedor de proxectos, integrador de sistemas e supervisor da montaxe e o mantemento das instalacións e infraestruturas, tanto por conta propia como por conta allea.
