Santi, 47 anos “ao pé do cañón
A orixe desta expresión é militar e fai alusión aos soldados de artillería que cargan e disparan os canóns, ocupando os lugares máis perigosos na fronte, aguantando de forma heroica o fragor da batalla… Atribúeselle a Agustina de Aragón, figura heroica da Guerra de Independencia española, quen cando acudía a levar a comida ao seu marido e ao resto de soldados na fronte, ao caer en combate os artilleiros, ocupou o seu lugar ao pé dos canóns e puxo en fuga aos inimigos.
Hoxe en día, esta frase representa valentía, firmeza, responsabilidade e resistencia. Gustoume esta expresión para resumir a traxectoria profesional de Santi no noso Centro e no resto da súa vida en xeral. Non se me ocorría mellor forma de resumir en poucas palabras o compromiso e a entrega deste bo home (bo, no sentido máis amplo da palabra), que sempre se mantivo firme cumprindo a súa tarefa ata o último día e, parafraseando a Toy Story, “máis aló” do razoablemente exixible.
A túa xubilación pon o peche de ouro a 47 anos de traxectoria no ensino: 36 de docencia, 5 como Secretario e 6 como Director do noso Centro.
Grazas Santi, en nome de toda a comunidade educativa, por estes anos de esforzo constante, entrega incondicional e absoluta paixón polo ensino. A clave para calquera educador é ensinar non con palabras, senón co exemplo, e iso é o que nos levamos gravado todos os que tivemos a sorte de compartir camiño e aprender dun verdadeiro MESTRE.